LIBROS NA RÚA

Posted by franciscocastro - 21/07/08 at 11:07 p.m.


Leo en A Nosa Terra unha entrevista con ese magnífico libreiro que é, e ex-ciclista que foi, Arximiro Blanco, responsable, na actualidade, da librería viguesa Mendinho. Cóñézoo de hai moitos anos, e sempre digo que o que precisamos na nosa industria do libro é xente coma Arximiro, militantes do libro, namorados da lectura e, sobre todo, activistas entregados á causa cultural de nós.´
Ao final da entrevista di algo co que estou absolutamente de acordo. Cuestionado sobre as feiras do libro deféndeas con enerxía. Eu tamén. Outra cousa é o actual modelo. Teriamos que esforzarnos en inventar algo máis, conservando o que temos. Pero, como el di, os libros deben saír, cando menos, unha vez ao ano á rúa. E iso é algo que nos permite facer as feiras do libro.
E diría máis: o libro debería de estar continuamente na rúa, cabo da xente, na vida das xentes, non só unha vez ao ano, senón en máis ocasións, cando o día das letras, cando o día do libro infantil, cando a semana de Andersen, cando queiramos e nos apeteza, porque sacar os libros ao encontro da xente non ten contraindicacións.
Só lle vexo, coma aos bicos, beneficios.

Os comentarios están pechados.