CHOVE PARA QUE EU SOÑE

Posted by franciscocastro - 24/06/08 at 11:06 p.m.


Un dos meus grandes praceres diarios é ir camiñando moi de vagar ao traballo. Gusto de sentir a friaxe da mañá, de cruzarme máis ou menos coa mesma xente cada día. Poño un auricular nunha orella, soa a música, vou cantando, en baixiño, para min. Un pracer sinxelo.
Hoxe, chegando á fin do meu camiño, vexo dúas grandes pancartas desas enormes de publicidade nas que nunca ninguén – eu tampouco – repara. Mais desta vez si.
Á esquerda, o anuncio dunha inmobiliaria. Apartamentos adosados á beira do mar. Un horror. Do outro lado, unha constructora. Outro horror.
Pero no medio – ouh gloria – uns versos ben coñecidos de Uxío Novoneyra no marco da campaña para o fomento da lectura da consellería: Chove para que eu soñe?.
No medio da industria do ladrillo, as verbas enormes de Novoneyra. Na miña orella esquerda treme Andrés do Barro.
Entrei no traballo. Sorrindo. O día sería – non tiña dúbidas de ningunha clase – un chisco mellor.

Os comentarios están pechados.