LIBROS DE PAPEL versus LIBROS ELECTRÓNICOS

Posted by franciscocastro - 20/06/08 at 11:06 p.m.

Hai ben de tempo que tiña gañas de ligar aquí este meu blog con este artigo do sempre lúcido e claro José Antonio Millán.
E tiña gañas de facelo porque coido que a súa posición – equilibrada e ecuánime – é a que no fondo explica mellor que ningunha outra o que vai ser e debe de ser o futuro do libro e o que ten que seguir sendo e debe de ser o senso común.
Fronte dos apocalípticos que levan augurando a desaparición do libro desde hai non sei canto, aos que se negan en redondo e en cadrado a aceptar a evidencia inevitable do dixital, impóñense opinións coma a súa: amamos os e-books por todo o que nos van permitir facer ( acceso rápido á información, podermos ler libros moi antigos dixitalizados, etc… ); pero aínda non hai invento máis cómodo, xeitoso e amigable, para ler, que un libro de papel dos de toda a vida.
A convivencia é inevitable. E dicimos máis: é o mellor dos estados posibles.
Porque por moito que nos dean os libros electrónicos, os que amamos os libros non imos deixar de gozalos; pero por moito que amemos os libros que cheiran a libros e teñen tacto de libros e “soan” coma libros, non imos deixar de aproveitar outros soportes que, pola súa inmediatez e posibilidades, poden completar a nosa felicidade lectora.

Os comentarios están pechados.