COMO MUDARON OS TEMPOS

Posted by franciscocastro - 19/06/08 at 11:06 p.m.

Antonte, como todos os anos, acodín a un colexio de primaria, público, no que estudou o meu fillo maior, a facer cos de 6º un cativo, pero intenso, obradoiro de poesía.
Marchei a iso da media mañá todo cheíño de ledicia polo ben que saíra todo e polo ben que cando menos eu, o pasara facendo versos con eles.
Camiño do coche, un par de rúas máis abaixo do colexio, íase oíndo de cada vez máis alto a fermosa voz de Serrat cantando a Antonio Machado. Todo pasa y todo queda/pero lo nuestro es pasar/pasar haciendo caminos/caminos sobre la mar.
Cheguei ao coche, aparcado ao carón dun colexio moi de monxas, moi relixioso de toda a vida, moi privado de toda a vida, deses que, nos tempos da longa noite de pedra do franquismo, obrigaban aos nenos pobres do barrio que non pagaban a mensualidade ( porque non podían, pero estaban como “obrigadas” a acoller unha porcentaxe “de nenos así”) a poñer un mandilón distinto ao do resto, para que non se esquecese, supoño, a clase social – inferior – á que pertencían.
Subín ao coche entendendo que os tempos si que mudaron. Aí estaban de festa de fin de curso, por iso a música a toda pastilla, e quen soaba era Antonio Machado por boca de Serrat, é dicir, un perseguido, un republicano, un poeta represaliado. Un ao que, probablemente, obrigarían a levar un mandilón distinto.

Os comentarios están pechados.