¿POR QUE NON SE RECOMENDAN LIBROS DE POESÍA NAS ESCOLAS?

Posted by franciscocastro - 29/05/08 at 11:05 p.m.


Entusiásmame o feito de que grupos como Dios ke te crew lle poñan música a poemas de Celso Emilio Ferreiro. O camiño é ese. Unir poesía e música probablemente fai que moita máis xente chegue ao galego que moitos dos esforzos que, desde as insitucións e a escola facemos nese sentido.
E digo que ese sería un camiño para investigar porque, desde sempre, música e poesía foron da man. Por algo se chama lírica ( de lira ). Se Rosalía continúa engaiolándonos, entre outras cousas é porque os seus Cantares beberon nos ritmos das coplas populares. E antes foran as cantigas medievais.
A través da música chega moito mellor a poesía. Na escola infantil e na primaria adorabámola, entre outras cousas, porque podiamos recitala en voz alta, e gozabamos do ritmo, da música interna das palabras que nos namoraban moito antes de que soubesemos o que estaba a pasarnos.
A reflexión lévame á pregunta de por que non se recomenda poesía nas clases da ESO e de Bacharelato, por que todo ten que ser narrativa, por que non hai espazos para a lírica entre os nosos escolares. En especial, cando hai tantos poetas galegos musicados, polos cantautores no século pasado e polos artistas de hip-hop hoxe.
Chegaría moito máis. E chegaría moito máis feliz.

Os comentarios están pechados.