¿¿??

Posted by franciscocastro - 26/05/08 at 10:05 p.m.

Neste meu blog falamos no básico de libros.
Hoxe debo sinalar aquí que Ali Ismail Abbas, o neno iraquí desta foto, ven de escribir un libro infantil. Aos 12 anos unha “bomba amiga” ( róncalle o nabo ) deixouno queimado, sen brazos e sen familia. Tivo a sorte de que o trouxesen a occidente e, en Londres, despois de innumerables operacións e de moita dor, a súa situación mellorou algo. Non moito, é obvio, pero si algo. A súa vida, desde logo, queda esnaquizada para sempre.
Celebro o teu libro, Ali, estou certo de que é un libro fermoso. Merece selo. Celébroo e desexo de corazón que chegue a moita xente e que o lea, incluso, Bush, a ver que lle parece, a ver que pensa. Se é que tal cousa sabe facer. Ler ou pensar.
Celebro o teu libro e mentres vexo a túa foto, pregúntome como pode ser posible que aínda exista xente no mundo que pense que as guerras poden ser xustas, preventivas ou necesarias. Ou como é posible que alguén pense que as guerras arranxan algo.
Se alguén coñece a resposta a estes interrogantes náufragos, que se anime a escribilas e a compartilas con nós.

Os comentarios están pechados.