O DESLEIXO

Posted by franciscocastro - 19/05/08 at 11:05 p.m.

No número desta semana de A Nosa Terra, Manuel Xestoso publica unha interesante reportaxe sobre o turismo literario ou como os países máis ou menos normais saben explotar as casas dos seus máis sobranceiros escritores para dar a coñecer o seu patrimonio literario. Así, por Stratford-upon-Avon rematan pasando, por iso de que alí está a casa natal de Shakespeare, uns cantos de miles de persoas ao ano.
Eu xa non pido tanto.
Abondaría con que os galegos e as galegas tiveran algunha clase de interese por pasarse, eu que sei, pola casa onde se imprimiu Cantares Gallegos de Rosalía, ou pola casa da Matanza en Padrón, ou polo Rianxo de Castelao e Manuel Antonio. Xa non digo os de fóra, senón os de aquí.
Pero igual é moito pedir.
Digo isto porque na miña cidade, en Vigo, hai uns anos dedicóuselle, por iniciativa da Asociación de Escritores en Lingua Galega, un parque á escritora viguesa María Xosé Queizán. Entre outras cousas, había ( en pasado ) unha pedra cun poema seu. Hai anos alguén a esnaquizou. A pesar de que xa se avisou mil veces aos diferentes concellos que tiveron a honra de gobernar, nunca máis se volveu poñer.
Ese tipo de desleixos din moito de nós e da consideración que temos coas autoras e autores de Galicia.

Os comentarios están pechados.