AS RECOMENDACIÓNS BERBERECHIÑAS

Posted by franciscocastro - 18/05/08 at 11:05 p.m.


Velaquí a solución ao anunciado onte.
María Yáñez, Inma López Silva e eu tiñamos a encomenda de falarmos de dous libros cada un e, en palabras da presentadora, contaxiar para a súa lectura. O que pasa é que nos ensarillamos a falar do Día das Letras ( os tres coincidimos en que hai que procurar outro modelo ) e aló se nos foi a noite e non tivemos tempo máis que para un. Así que deixo sen dicir cal sería a miña segunda recomendación esencial. Iso si: falamos tanto e de tantas cousas que arranxamos o país. Mágoa que ninguén vaia facernos caso a pesar do interesantes das nosas propostas.
María Yáñez recomendou Xente ao lonxe, de Eduardo Blanco Amor, como un libro que lle marcou nos tempos do instituto. Sorprendeulle algo tan moderno na lingua de nós; Inma López Silva recomendou Limpeza de Sangue, de Rubén Ruibal, e glosou as súas virtudes. Eu aproveitei para meter baza e sinalar que o caso da non-representación da obra de Ruibal, tendo como ten o Premio Nacional, é todo un síntoma, e case diría que un diagnóstico, do que somos. Todos de acordo en que é unha obra marabillosa. Mereceu os máis altos galardóns. Pero nós, por aquí, sen representala. Imperdoable.
Cando me tocou, recomendei non un libro, senón unha obra poética completa. A de Celso Emilio Ferreiro. Canto máis o leo, e xa van ben de anos, máis me sorprendo da súa grandeza. Expliquei que á miña xeración déronnos a ler mal a Celso Emilio. Limos, por cousas dos avatares políticos, ao poeta social. Que tamén é grandioso. Pero tivemos que procurar pola nosa conta ao poeta, excelente, do amor.
Daquela, reivindico un Celso Emilio Ferreiro completo.
Ese foi o noso banquete de berberechos.

Os comentarios están pechados.