CELSO EMILIO: UN CLÁSICO

Posted by franciscocastro - 30/04/08 at 11:04 p.m.


Máis de unha e de dúas veces dixen que Celso Emilio Ferreiro é un dos autores que máis quero e admiro. Pregúntome, moitas veces, que fai a xente indo a procurar poetas por aí cando temos un tan inmenso entre nós e falando de nós e coma nós.
Teño recitado os seus poemas de amor diante de xente moza, e todos, absolutamente todos, senten a emoción por Moraima como se fose para eles.
Amo a Celso Emilio Ferreiro, ademais, porque as súas palabras aínda valen para hoxe.
Aí atrás, nun recital, pedinlles aos que me escontaban que mudasen Vietnam por Iraq neste poema famoso de Viaxe ao país dos ananos do ano 68:

Digo bomba de fósforo.
Apenas digo nada.

Digo lombriga e larva
de carne podrecida.

Digo nenos de napalm,
terror de noite e selva,
fedor de cidade e cloaca.

Fame, suor, aldraxe,
pugas de aceiro, antropofaxia.

Digo guerra bestial,
tremor de terra, crime, lume, lava,
estoupido, verdugo
e mortandade en masa.
Digo gas abafante.

Apenas digo nada.
Digo yanqui invasor,
depredador de patrias.

Digo plutonio, pentágono,
esterco bursátil, palanca.
Presidente, gadoupa,
chuvia, amargura, baba.

Digo petróleo, ferro,
mineral, trampa,
lobo, caimán, polaris, cóbrega,
miseria, diplomacia.
Digo devastación que USA, usa.

Apenas digo nada.
Digo Viet Nam i está xa dito todo
cunha soa palabra.

Para abranguer a vergonza do mundo,
digo Viet Nam e basta.

Sei, casualidades da vida, que se ten feito o mesmo noutros recitais por aí. O que demostra que é un clásico porque, como dixo Italo Calvino, un clásico é aquel que ten unha mensaxe distinta para cada época pero unha mesma para todas.

Os comentarios están pechados.