TE HAI QUE SABER IDIOMAS

Posted by franciscocastro - 14/04/08 at 02:04 p.m.


O domingo tiven que procurar unha farmacia de garda a primeiras horas da mañá. Nada serio, non vos preocupedes. Cando por fin cheguei a unha das que estaban abertas, tiven que esperar a que me tocase mentres eran atendidos dous velliños que falaban en inglés. Cando dixeron iso de How much? ou sexa, canto é, o mancebo ( que así se chaman ) contestou seven twenty, que ven sendo sete vinte. Euros, claro. Os xubilados ( probablemente cruceiristas de paso ) pagaron e o individuo, sorrindo, díxome: No hay como te saber idiomas, empregando ese marabilloso pronome de solidariedade noso que nos convirte, de paso, no pobo máis altruísta ( por solidarios ) do mundo e demostrándome que era galego coma min. Deille a razón e fixen o meu pedido en galego. Procuraba unha determinada marca dun produto (non ese que andades a pensar ), e fíxeno en galego. Como non había procurei outro. Sempre na lingua de Breogán. E falamos un cacho. Eu, en galego.
A ver quen é capaz de saber en que idioma me falou todo o tempo o empregado farmacéutico a pesar de que te sabía idiomas.

Os comentarios están pechados.