A NÉBOA

Posted by franciscocastro - 27/02/08 at 10:02 p.m.


Mañá deixarei que saia a néboa. Mañá deixarei que falen pola miña boca tres personaxes cos que convivín un ano enteiro da miña vida, unha época feliz, un agasallo.
Antonio de Outeiro, soñador aínda que non sabe que soña nin o que soña, dono dunha esperanza que lle sae de natural, alleo incluso a si mesmo, aventureiro sen fortuna, como deben de ser os aventureiros, enfermo de tanta lectura boa na infancia, cando tocaba soñar. Antonio, rodeado dunha néboa mesta que non comprende: o mundo, máis grande cá el, máis cativo, tamén.
Don Luis da Bouza, señor feudal, criminal, besta e malo porque é malo, sen dobre fondo, hai quen é así e non hai nada que lle facer, enfermo, el tamén, da brutalidade, da sen razón, da ausencia de argumentos e da abondancia de armas e poder. Don Luís envolvido nunha néboa escura que non lle deixa pensar.
E Isabel de Portugal, o meu personaxe máis amado desta novela e de todas as novelas, cando menos esta noite na que escribo este post aloucado, Isabel á que lle nacen as palabras na boca, nos beizos, no medio dos dentes, desde dentro do corazón felizmente entolecido por tanta e tanta sabedoría. Isabel, a única que pode escorrentar a néboa para que saia a luz.
E frei Mariano, e a Ofelia, e o Enea, que barco máis fermoso, e a Illa de Santa Sofía…
Todos, aboiando na néboa.
( Iso: que mañá presento As Palabras da Néboa en Vigo, ás oito, na Casa do Libro )

Os comentarios están pechados.