ESCRIBO

Posted by franciscocastro - 13/02/08 at 10:02 p.m.

Escribo. E escapo do mundo. Queda atrás todo. Atrás quedan eses que falan pola televisión e que me piden o voto. Atrás quedan eses que piratean a felicidade desde os anuncios da televisión. Atrás os berros, atrás as ladaíñas cansas dos mercaderes da virtude. Atrás os dourados consumistas do efémero. Atrás, moi atrás. Escribo e medro entre as letras, nun universo de meu.
Escribo, e de paso invento utopías. Decido marchar a vivir ( levo así máis dun ano ) con outra xente da que sei todo, cando naceron, o que pensan, que agachan, que van facer coas súas vidas, que lles preocupa, a quen aman, de que teñen medo. Son os meus personaxes. Atúranme as fobias. Quérenme. E eu a eles. E vou escribindo as súas vidas e, de paso, as miñas. Así, en plural. As miñas moitas vidas.
Escribo, e elévome sobre min mesmo para fuxir a outra realidade. Cando prendo o ordenador nada me doe, nada me fai padecer. Estou máis que nunca con todos cando estou vivindo na literatura.
Escribo.

Os comentarios están pechados.