DE TERTULIA COS CANDIDATOS
29th Febreiro 2008 by franciscocastro 2 Comentarios
O luns pasado viña eu a altas horas da noite pola autoestrada, desde A Coruña a Vigo. Vou case que todas as semanas e sempre tomo a viaxe coma un motivo para escoitar a radio. Fixen radio hai moitos anos e téñolle moita querencia a ese medio. Oxalá algún día volva a ela.
Polo xeral, aproveito a longa viaxe para escoitar os informativos. O desprazamento xeográfico froito dos quilómetros fai que vaia perdendo as sintonías e, xa que logo, que teña que ir procurando novas emisoras cada pouco tempo. Daquela, a pluralidade de visións que recibo con tanto cambio é importante. Unhas gústanme máis cá outras. E así van pasando – é agradable – os quilómetros e o cansazo da noite.
Sen embargo, o luns pasado, en todas as emisoras era o mesmo. Non puiden escapar. Foi terrible.
O Debate.
Xa escoitándoo na radio tiña claro que aquela cousa non era un debate. Porque nun debate hai dúas, ou máis, posicións que se confrontan ( as posicións, non as persoas ). E fálase de argumentos, danse razóns, motivos, ideas. E hai réplicas. E contraargumentos. Non iso que puidemos oír e, xa na casa, ver: propaganda electoral disfrazada de falso debate, actores ( mediocres ) dictándolle a unha cidadanía apática e acrítica catro ou cinco consignas dabondo incribles. Non é estraño que ao día seguinte se falase das cravatas dos candidatos ou de se movían as mans ou non.
¿Cantas ideas recorda a xente das propostas electorais, da disputa froito das diferentes visións do mundo, en definitiva, cantas ideas sacou novas a cidadanía do debate?
No fondo, trátase dunha tomadura de pelo que parte da crenza de que os votantes son parvos.
Por unha vez, diremos que isto o fan mellor nos Estados Unidos. Nada de temas pactados. Nada de tempos pechados. Hora e media de debate.
Daquela, eu paso do debate do vindeiro luns ( por se acaso, xa metín no coche un CD de John Lennon). Desta vez, non me pillan.
( Ese luns, pola mañá, cun chisco de retranca, saíu, horas antes do debate, este meu artigo en A Nosa Terra Diario ).




Sempre me fascinaron os segundos. Máis que os primeiros. Os que quedaron fóra da historia, ou os que pasaron por ela de carranca. Había dous astronautas para o primeiro voo espacial. Gañou Yuri Gagarin aquela honra. Ninguén lembra o nome do segundo. Pete Best era o batería dos Beatles. Botárono e triunfaron ao mesmo tempo que el ía deprimíndose. E hai outros moitos segundos máis ( e algún primeiro: ninguén lembra o nome de quen gañou o único concurso literario ao que se presentou Borges, no seu Buenos Aires de fervores adolescentes. Jorge Luís quedou segundo ). De feito teño por casa unha lista de segundos que, espero, algún día reivindicarei polo miúdo.



