CRIGAL

Posted by franciscocastro - 29/01/08 at 10:01 p.m.

Hai uns días naceu o blog da Sección de Crítica Literaria da Asociación de Escritores en Lingua Galega, ou o que é o mesmo, un espazo web onde os críticos galegos van poder comunicarse con nós doutra maneira diferente á habitual. Polo xeral sabemos do seu traballo cando recensionan e analizan os nosos libros, nos ( poucos ) suplementos literarios dos xornais, ou nas ( poucas ) revistas literarias que hai no noso país. Desde esta bitácora saberemos máis do seu día a día. Comezan forte, entrando nos debates máis candentes desde a primeira anotación.
Sobre a crítica e os críticos poderiamos falar durante días e non rematar nunca o debate. En calquera caso, o seu concurso é esencial para que un sistema literario funcione como é debido. O crítico, coma o editor, debe actuar, dalgunha maneira, como ponte entre os lectores e os autores. Do crítico esperamos unha luz. Un criterio. Gústenos ou non o que digan dos nosos textos. Criterio. Críticos. É curioso como se parecen estas dúas verbas.
Que naveguen ben.

Os comentarios están pechados.