¿CAL FOI O LIBRO SEN O CAL TI NON SERÍAS TI?

Posted by franciscocastro - 25/01/08 at 10:01 p.m.

A pregunta quizais soa pretensiosa. Pero foi o que se me ocorreu despois de ler unha entrevista co autor estadounidense Sean Penn, na que explicaba que as distintas etapas da súa vida tiñan que ver con libros concretos.
O diálogo co actor fíxome pensar no meu propio caso.
O libro que me cambiou para sempre foi Todos los cuentos, de Gabriel García Márquez.
Estaba eu en segundo de BUP, o equivalente á actual 4º da ESO, e digamos que non tiña moito interese por nada. Estudiaba – é un dicir – no Instituto da Guía, na miña cidade de Vigo, e ía ás clases hoxe si, pois mañá igual non. Sen embargo, había unha que non perdía: a clase de Literatura, que, daquela, impartía o poeta Manuel Vilanova. Os meus colegas, a verdade, non entendían por que asistía co ben que se estaba na Carballeira da Guía disfrutando do aire libre e dos Ducados. Mais a culpa era, a parte do poeta que eu tiña por profesor, de García Márquez.
Recordo ben como foi a cousa: eu metido na cama, na casa que aínda hoxe é dos meus pais, morto de frío, tapado ata o nariz e co libro por fóra. Primeiros de Outubro. Abro o libro que o profesor nos mandou ler. Todos los cuentos, de Gabriel García Márquez, e de súpeto, eu, que daquela non teño interese por nada ( por nada académico) , eu, que estou convencido de que non podo aprender nada no instituto, eu, que paso de todo porque son máis pasota cá ninguén, alucino a colores, e sen necesidade de meterme nada, co conto titulado Eva está dentro de su gato.
Xa era lector. Pasota pero lector. Mais coido que foi aí – catorce anos, faltaban días para cumprir quince – cando me decatei, de verdade, do que era a literatura.
Quizais aí tomei, sen me decatar, no máis profundo do meu corazón confundido, a decisión de ser, algún día, escritor.
Así que a pregunta, despois desta confesión, é obrigada: ¿cal foi o libro sen o cal ti non serías ti?

Os comentarios están pechados.