AGASALLAR LIBROS ( E UNHA PREGUNTA: ¿QUE LIBRO QUERES PARA NADAL? )

Posted by franciscocastro - 14/12/07 at 02:12 p.m.

Agora que xa comezou esta época horripilante de agasallar porque si e de consumir porque tamén e de celebrar porque claro, convén que lembremos a importancia de meter algún libro como agasallo para os máis cativos.
Gañará a play-station, e o móbil, e calquera cousa que teña luces e funcione con electricidade, pero se o que queremos é agasallar con algo que non teña comparación posible, apostade polos libros.
Volvendo sobre o Barómetro de Hábitos de Lectura do que tantas veces xa falamos aquí, constátase que o 90 por cento dos cativos entre 10 e 13 anos le cunha certa frecuencia. Mais este dato, que xa dixemos moitas veces, non nos importa tanto, senón o feito de que o 71’9 por cento deses lectores pre-adolescentes teñen pais e nais lectores, e o 80’1 por cento reciben polo xeral, como agasallo, libros.
Xa que logo, para facer lectores, estes días, agasallade tamén libros.
E xa que estamos, unha preguntiña: ¿que libro vas pedir como agasallo para o Nadal?
Comezo eu confesando e así, de paso, sérveme de carta para o señor roxo este que ilustra este post: Esto no es música, de José Luis Pardo.

Os comentarios están pechados.