SEPARAR LINGUA E LITERATURA

Posted by franciscocastro - 13/12/07 at 09:12 a.m.

En moitas ocasións, tanto neste blog como en actos públicos ou en escritos en xornais, teño insistido na idea de deslindar as asignaturas de Lingua e Literatura. A día de hoxe impártense xuntas, mesturando os libros e o pracer de ler con suplementos, sintagmas preposicionais, sílabas átonas e tónicas, o te o che e o lle. Sinceramente, non lle vexo a necesidade nin a utilidade pedagóxica.
Coido que sería interesante recuperar unha asignatura ( eu estudeina en 2º de BUP, o equivalente ao actual 4º da ESO ) que se chamaba precisamente así, Literatura ( e que impartía o poeta Manuel Vilanova ) e que era a única, por certo, que me mantiña máis ou menos interesado nos estudos nunha época un chisco confusa da xa afastadísima adolescencia.
Facer que todo o peso do coñecemento da literatura se faga na clase de galego semella, cando menos, unha estrañeza didáctica. Coido que sería moito máis interesante unhas horas á semana na que o alumnado se centra no estudo dos escritor@s, os seus libros, as súas historias, os seus versos. Un tempo no que, xa que estamos, len.
Lingua ( Filoloxía ) e Literatura ( Fantasía, Beleza, Trama, Personaxes ) non son o mesmo.

Os comentarios están pechados.