LECTURAS DE OUTONO: O ÚNICO QUE QUEDA É O AMOR

Posted by franciscocastro - 11/12/07 at 01:12 p.m.

Todo o mundo sabe da miña devoción pola obra de Agustín Fernández Paz. Pero niso non son nada orixinal. É unha paixón que comparto con milleiros de lectores de Galicia e de fóra dela.
Agora veño de rematar a lectura da súa nova obra, editada por Xerais, O único que queda é o amor, un mollo de relatos onde, a través do amor aos libros, e aos versos, e sobre todo, ás persoas que nos fan sentir vivas e amantes da vida, o lector ve desfilar diante dos seus ollos personaxes dunha tenrura e dunha forza tal, que é imposible non sentirse retratado en case que todos eles. Todos somos algúns deles nalgún instante da nosa existencia.
Hai amores que choramos por non ter tido a forza precisa para ir a por eles; outros querémolos incluso despois da morte; outros só foron puros na adolescencia, pois ao medrar, inevitablemente, volvémonos parvos. Todo iso está neste libro. Todo iso e moito máis. Un libro poliédrico. Coma as formas do amor.
Como di a cita de Pamuk da que tirou o título, estas historias de Agustín Fernández Paz explícannos que a vida, en esencia, é unha completa estupidez, un sen sentido, unha nada baleira. Pero, ao igual que Camus, o autor explícanos que, cando menos, temos a capacidade de dotala de sentido, de enchela con algo bo e fuxir, así, do nihilismo ou a loucura. E iso pode facelo, desde logo, o amor.
Un libro que ninguén se debe perder.

Os comentarios están pechados.