A CENSURA É INTOLERABLE

Posted by franciscocastro - 19/11/07 at 02:11 p.m.

Comentaba onte en La Voz de Galicia Francisco Ibañez que, con Franco, tiña un ollo no papel e outro na censura. E que agora, por suposto, todo é moito mellor.
Suponse que, a pesares de cousas como el asunto de El Jueves, en España xa non hai censura.
Pero no Irán si.
Lemos que a censura iraniana vén de prohibir a reedición do libro de Gabriel García Márquez, Memoria de mis putas tristes.
Conseguira pasar a censura na primeira edición porque o tradutor cambiou a palabra “putas” por “bellas” e, daquela, colouse. Pero, na segunda ocasión, non.
Sen meterme no asunto da calidade do texto e da súa temática ( pero non podo deixar de dicir que o libro pareceume malo, indigno dun home do seu talento ), o certo é que a comunidade internacional debería reaccionar, diante de casos coma este, para encetar algunha clase de iniciativa coa finalidade de acabar coa censura en todo o mundo. Quen di Irán di a China ou Estados Unidos. Ou España. Igual que salvamos as ballenas, ou pedimos o peche de Guantánamo, por indignos ambos os dous comportamentos, debería haber un movemento global contra da censura en calquera lugar do mundo.
¿Quen ten a potestade para decidir que se debe ou non editar? Desde logo, os gobernos, non. Cando menos, o goberno do Irán non, como proba o feito de que a primeira edición do libro, a única que se publicou pois xa non haberá outra, esgotouse en tres semanas. Xa que logo, a xente quere ler esa historia. O goberno non pode censurar a súa publicación. ¿Non nos pareceu intolerable o castigo, no seu día, contra Salman Rusdhie? Salvando as distancias, isto non é menos grave.
O motivo oficial, coma sempre, é que ofende á moralidade oficial do Irán. Non che sabía eu que existía algo así como “moralidade oficial” dun país. Quererán dicir a moralidade oficial dos que gobernan nun país. ¿Era a moralidade española a moralidade da censura franquista? Daquela, ¿por que pasaban a Francia a ver películas eróticas?
Os xornais de alí falan do contido vergonzoso da novela e da súa inmoralidade e que, por iso, a novela non debe chegar aos ollos dos lectores. Eu diríalles aos cidadáns do Irán que non deben ler esa novela porque, simplemente, é unha mala novela. Déixase ler, pero nada máis.
Pero o importante é que en todas as partes do mundo a xente teña dereito a ler, incluso, novelas tan malas coma esta.

Os comentarios están pechados.