MAREA DE PALABRAS

Posted by franciscocastro - 16/11/07 at 02:11 p.m.

Hai cinco anos, cando escachou o Prestige, os escritor@s galegos aproveitaron para dar unha lección de compromiso co país poñendo a súa pluma contra a marea negra.
Coido que, cando pasen moitísimos anos, tantos como para que ningún de nós estea xa sobre o planeta, os historiadores da literatura porán os seus ollos nas moitas obras que o petroleiro provocou e pensarán: que país máis curioso. Probablemente non se teña dado ( ou, serei humilde: eu non o sei ) en toda a historia dos pobos unha unión máis grande de creadores tirando xuntos do mesmo carro e cara o mesmo lugar.
De todo elo, dá conta hoxe El País.
No persoal, quedo con algunhas obras que cómpre volver a ler pero, agora xa, tendo ese lustro que pasou na memoria. Por exemlo, Orixe, de Sechu Sende, que mereceu o Blanco Amor, e os libros colectivos ( nos que integrei un relato en cada ), Alma de Beiramar e Sempre Mar. E como resumo perfecto, e homenaxe mellor aos voluntarios que si souberon estar á altura, o libro de fotos de Xurxo Lobato, No País de Nunca Máis.
Toda unha demostración, a música, a literatura, as palabras daqueles días, da forza dun país, creando beleza a partir da desgraza.

Os comentarios están pechados.