¿QUE TEÑEN OS MEDIOS DE COMUNICACIÓN GALEGOS CONTRA DE NÓS? ( Un par de preguntas duras )

Posted by franciscocastro - 26/10/07 at 02:10 p.m.

A noticia da semana, a gratísima nova da semana, e se me apurades, case que do ano, foi a concesión do Premio Nacional de Literatura Dramática ao galego Rubén Ruibal polo seu Limpeza de Sangue (Xerais ), aínda pendente de estrea.
Hoxe, nunha entrevista en El País, fala de moitas cousas, pero hai algo nas súas declaracións que é importante destacar e que, desde este blog vimos repetindo, coma profetas no deserto, desde hai anos: Sobre la visibilidad de la cultura gallega, dice no confiar en los “milagros”. “Las posibilidades pasarían por un cambio radical en la posición de la prensa y las televisiones con respecto a la cultura y el idioma. ¿Alguien cree que si la mitad de las horas que dedica nuestra televisión a orquestas y fiestas gastronómicas las dedicase al teatro, al cine por inventar o a la literatura propias, la visibilidad de la cultura gallega sería la misma?”, se pregunta.
Mellor non se pode dicir. A nosa cultura é invisible, e a prensa e as teles terían que atreverse a dar un cambio total e comezar a falar de nós. Con orgullo. ¿Ou non deben as televisións e a prensa de aquí mostrarse orgullosas da cultura que se fai aquí? Porque non é a mellor do mundo pero, desde logo, tampouco é a peor do planeta. Mais é a nosa. A cultura de aquí. A que se fai aquí. A cultura galega que debería, só por iso, recibir o apoio incondicional dos medios galegos. E celebrar os seus éxitos e os seus productos. Igual que falan das xestas deportivas do Celta ou do Dépor, por exemplo. Iso sería o mínimo, porque, como ben di Rubén Ruibal só con que nos dedicasen a metade, xa non todas as horas, senón a metade do tempo do que lle dedican ás festas gastronómicas, desde logo, veríasenos moito máis, tomaríasenos moito máis en serio, respectaríasenos en xeral moito máis.
Por iso teño gañas de preguntar: ¿pero que teñen os medios de comunicación galegos contra de nós, contra da cultura galega, contra da literatura, o cine, o teatro feito en Galicia?, ¿ou teño que pensar que só se trata de que teñen algo, en xeral, contra da cultura?

Os comentarios están pechados.