RADICAL ( PERO NON DEBERÍA )

Posted by franciscocastro - 19/10/07 at 09:10 a.m.

Unha das cousas que máis se subliñaron trala concesión do Nóbel de literatura a Doris Lessing é que estabamos “diante dunha autora cunha ollada radical”. Non está mal que nestes tempos light, descafeinados, aborrecidos, taciturnos, sombríos e moi dados ao pasteleo, non está mal, dicía ( é que me perdo con tanto adxectivo, xa saben, unha das marcas da casa ) que a Academia Sueca nos premie a alguén que pode presumir de radicalidade como un dos sinais identitarios da súa obra. Así non nos sentimos tan sós polo mundo adiante.

Sen embargo, cómpre que reflexionemos sobre esa radicalidade e que lle engadamos, axiña, iso de que non debería de parecernos unha ollada radical. Porque a estas alturas da película xa non nos debería parecer radical reivindicar os dereitos da muller ( nin, xa que estamos, os dereitos de ninguén ), nin a súa igualdade, nin a súa experiencia feminina como algo singular, diferenciado e, por suposto, en pleno plano de igualdade co home.

Hai un libro publicado por Alba Editorial que hai ben de tempo que quería comentar e que, entre outras, trae un texto de Doris Lessing onde fica clara esa ollada radical que, insisto, xa non debería selo tanto. Refírome ao libro titulado Maternidad y Creación, volume ao coidado de Moyra Davey. No texto de Lessing, fálasenos da súa mocidade en Rhodesia. Casada aos 19 cun funcionario inglés deses de tomar o té co dedo apuntando cara arriba, axiña desertou das reunións de esposas que se xuntaban ¡para facer punto!, axiña desertou das ideas colonialistas de todos os brancos do lugar, axiña desertou da idea de parir e parir e parir fillos da Gran Bretaña para a meirande gloria do Imperio. Doris Lessing, radical, decidiu ser ela mesma e facerse radicalmente escritora radical.

O triste, amigas e amigos ( elas diante, para elas sobre todo escribo isto ) é que a día de hoxe, ser muller e ser ceiba, aínda hai quen o considera unha ollada radical.

Os comentarios están pechados.