MAÑÁ EN SANTIAGO, PREMIO A AGUSTÍN

Posted by franciscocastro - 18/10/07 at 12:10 p.m.


Mañá estarei a iso das 12 e media no Colexio de La Salle de Santiago, para entregarlle ao grandísimo Agustín Fernández Paz o Premio Frei Martín Sarmiento polo seu libro Corredores de Sombra, gañador, para un durísimo e esixente xurado formado por miles de escolares de toda Galicia,como mellor libro do ano na categoría de máis de 14 anos.
Entrégollo eu porque o meu Un Bosque Cheo de Faias gañou o ano pasado e, xa que logo, tócame facer de mestre de cerimonias coma o ano que vén tocaralle a Agustín.
Cando saiu Corredores de Sombra xa dixen todo o que pensaba: no básico, que é unha obra magnífica, que o seu final é soberbio, que o pulso do narrador é envexable, e que o personaxe da rapaza protagonista é máis que verídico e, sobre todo, delicioso. Así que non me estraña que os escolares galegos tamén o consideraran o mellor do ano.

Os comentarios están pechados.