UNHA PREGUNTA PARA UN DEBATE SOBRE A LECTURA

Posted by franciscocastro - 29/09/07 at 08:09 a.m.

Neste meu blog que xa leva un par de aniños centrado, en esencia, no asunto do libro e a lectura e a súa promoción, de cando en vez, como saben os fieis, gusto de propór debates para sentir a vosa opinión.
A pregunta é sinxela ( non así a súa solución ) e ten que ver con iso que tanto nos preocupa sobre as recomendacións escolares, os libros de lectura obrigatoria… No fondo, é a pregunta sobre que deben ler.
Centraremos o debate nos adolescentes, nos rapaces e rapazas entre, poñamos, once anos e dezasete, xusto esa franxa de idade na que, segundo os datos, comezan a ler menos.
Hai quen mantén que é preciso que na escola os estudantes se acheguen ás obras clásicas da nosa literatura. Pola contra, hai quen mantén que o único camiño que pode seguir a escola se o que quere é promocionar o hábito lector, é pedir que lean a autores contemporáneos que traten os problemas de hoxe en día. Despois, hai quen mantén que deben ler literatura adulta, como moitos de nós fixemos cando eramos adolescentes. Pola contra, hai quen se pecha diante da única posibilidade para eles válida: deben ler só literatura xuvenil, adaptada á súa idade e ao seu nivel de comprensión.
Daquela, agardo as vosas respostas á pregunta:
¿Que é o que teñen que ler?, ¿clásicos ou contemporáneos?, ¿libros adultos ou literatura xuvenil?

Os comentarios están pechados.