CRÓNICA DUNHA HOMENAXE

Posted by franciscocastro - 28/09/07 at 09:09 a.m.

Aínda hai poucas horas que rematou na Praia da Borna, en Meira, en Moaña, a cea na que máis de cen persoas tivemos a honra de compartir con Bernardino Graña, o poeta do mar e dos homes, o seu 75 aniversario. Foi unha noite fecunda, de palabras agarimosas, de poesía chea de poder, de tenrura e de admiración diante do verbo e a presenza dun home inmenso que é, para nós, regalía e fortuna. Postos en pé, aplaudimos ata as bágoas. As nosas. Contidas. O seu sorriso, inmenso na brancura da súa barba. A boina.
Canta fermosura.
Bernardino Graña escoitou a todos e a todos apertou. Para todos tivo unha man, un sorriso, unha verba amable. E a fin da noite, aberto o champán, libado o viño na súa honra, invocadas as musas do Morrazo que nos observaban, curiosas e tamén emocionadas desde a ría, alí subidas a unha gamela, Bernardino tomou a palabra.
Non quero micrófono.
O que quería era silenzo.
E démoslle un silenzo que era un berro festivo de gloria para o poeta.
Falou Bernardino.
Contou co seu verbo pausado do neno que ía ao instituto en Vigo, do profesor que foi, de que cumpre 75 porque ando, porque non vou en coche, porque ando!!!.
E a súa conclusión: tiven moita sorte na vida, e agora aquí hai máis de cen amigos. Comigo. E iso é o máis bonito do mundo.
Parabéns, Bernardino. ¡Que grande fortuna a nosa!

Os comentarios están pechados.