ASÍ VAI A VIDA

Posted by franciscocastro - 20/09/07 at 11:09 a.m.


De vivir Astrid Lindgren, tería 100 anos. Non se fala doutra cousa, por ese cartesianismo absurdo no que vivimos e que ama os números redondos, nas páxinas de cultura dos periódicos. E se a coñecemos, á Lindgren, os que andamos polos corenta, é por Pippi. E sobre todo pola tele. Porque primeiro non foi o verbo. Primeiro foi a televisión. Pippi ou a nena irreverente, a rapaza ceiba que facía o que lle petaba, que pasaba das normas ( adultas ) porque xa se sabe que os adultos non saben divertirse (os adultos saben facer guerras, a vida imposible aos veciños; por saber, os adultos ata saben facer regulación de emprego ). Pippi ou un texto marabilloso que, entre outras cousas, aprendía aos nenos a darlle a volta á orde social. Sen coñas: un texto revolucionario.

Digo que son malos tempos para a vida en xeral porque a día de hoxe igual non había quen editase a Pippi ( ou a Bukowski ). Xa se sabe, hoxe os textos para rapaces teñen que ser didácticos, e atender aos contidos transversais, e ideoloxicamente teñen que ser neutros ( como se algo así puidera ser posible ). Os libros que len ( obrigados, ás veces torturados ) os nosos adolescentes, non lles mostran nenas coma Pippi, libertarias, anarcoecoloxicoludicas, por inventarme un termo, senón personaxes que semellan extraídos, dalgunha maneira, de Paulo Coelho, xa saben, ese gurú da felicidade.

Por iso digo que son malos tempos para a vida en xeral. O pobre Tintín anda tamén de centenario. Pero unha comisión inglesa pretende prohibir o libro que narra as súas aventuras no Congo, por unha suposta xenofobia que, aínda que existise, sería moito mellor explicar desde a lóxica contextual na que a obra foi xerada. Pero non, seica é moito mellor prohibir. Cando a quen habería que prohibir ( é un falar, disimulen ) sería ao Coelho e a súa ideoloxía barateira.

Corren malos tempos para a vida en xeral. Por iso non me estraña ler que case o corenta por cento de todo o mercado de ficción é rosa ( ollo: 902 millóns de euros anuais, 2285 títulos, 64,6 millóns de lectores; o amor dá para moito. Estou pensando seriamente escribir un libro rosa ); por iso non me estraña que a revista Time faga un listado das cen persoas máis influentes do mundo e que non figure ningún escritor ( nin sequera, ai Deus, Paulo Coelho ).

Alivioume lendo que Laura Bush e a súa filla Jenna están a escribir un libro para nenos ( coma Lindgren ). Lereino con ansiedade. En canto remate outro que escribiu unha Spice Girl, as obras completas de Madonna e os contos para durmir de Paloma Lago.

Así vai a vida.

Os comentarios están pechados.