LECTURAS DE VERÁN: LA VANIDAD DE LOS DULUOZ

Posted by franciscocastro - 27/08/07 at 01:08 p.m.


Había moito tempo que non gozaba tanto cun libro como coa obra de Jack Kerouac, La vanidad de los Duluoz ( Anagrama ), un texto no que o escritor nos informa da súa Educación Audaz, é dicir, os seus anos de formación como escritor. Pero é un libro tamén nos que se nos conta a súa vida ( inevitable non ter sempre, cando un le este tipo de libros, a mesma sensación: a miña vida é ben aborrecida… ), é dicir, o seu paso polo Fútbol Americano ( foi toda unha estrela ), a súa vida de mariñeiro, e as súas andanzas durante a Segunda Guerra Mundial. Por suposto, tamén toda a súa iniciación underground, as drogas e todo iso…
Pero, sobre todo, esta obra impresionante é unha longa carta dirixida á súa muller na que explica, como dixen, como foi que decidiu ser escritor.
O libro impresionoume por moitos motivos. Mais o que agora quero compartir con vós é un pensamento de Kerouac que sempre fixen meu: converteuse en lector porque decidiu pasar do sistema educativo tradicional. Pasou das clases, da academia, dos profesores da universidade, de Todo O Oficial, e, como a cousa máis lóxica do mundo, entrou nas bibliotecas e leu. O que lle petaba. Ceibo.
Despois, fíxose escritor.

Os comentarios están pechados.