NON PODE HABER LECTORES EN GALEGO ( UN ARTIGO DRAMÁTICO )

Posted by franciscocastro - 21/08/07 at 01:08 p.m.


Gustoume moito a entrevista que lle fixeron no suplemento Mercados de La Voz de Galicia o pasado domingo ao libreiro Xesús Couceiro onde, entre outras cousas, declaraba: Un dos motivos de que o mundo do libro estea adormecido é o esquecerse da difusión. O titular tampouco era malo: A saúde do libro galego está mal, peor que a das outras literaturas.
Concordo totalmente con el. Pero centrareime no asunto da difusión.
A realidade é clara. E a quen non lle guste, que se rasque, ou como se diga iso.
Os nosos libros non se coñecen. Fóra, só saben de nós catro ou cinco. E só saben de catro ou cinco. E case que dan gañas de tirar foguetes. Pero, para min, a verdadeira traxedia é que dentro, só nos coñecen seis ou sete. Uns poucos máis. Pero, sobre todo, poucos máis.
O asunto é tráxico. E a quen lle amole que poña as barbas en remollo, ou como se diga iso.
A literatura galega dá todos os anos un mollo interesante de bos libros. Non todos o son, está claro. Pero algún de valor sempre hai. ¿E quen o sabe? Moi poucos. Malamente imos ter un lector galego se os galegos, en primeiro lugar, e os lectores galegos ( en calquera idioma ) non saben da existencia dos nosos productos. E estou convencido de que moitos dos que len, por exemplo, en castelán, accederían gustosos a moitos dos nosos libros ( algúns len de cando en vez en galego ) de saber do seductores que poden chegar a ser. Pero non o saben. Non poden sabelo. Nos medios non sae. E os que nos enteramos polo blogomillo xa somos lectores en galego.
No que ao noso sistema literario se refire, falla a mercadotecnia, a publicidade, os medios de comunicación… e probablemente, por suposto, fallamos os autores, que aínda non nos damos sacado de enriba os complexos. Non damos sacado peito. E habería que sacar peito.
No fondo, e sinto amargar desta maneira o verán, arrastramos un complexo de inferioridade ( claro, como non nos entenden, non ) que fai que non tomemos en serio o que hai que tomar en serio: que a nosa literatura non é mellor que outras; pero que tampouco é peor. E se xa todo o mundo sabe que a autora de Harry Potter anda a escribir unha novela policial ( comezan xa a traballar os señores da publicidade… e poño este exemplo porque está, ¡¡¡xa e aínda non o escribiu!!! na prensa de hoxe ) pois igual non estaría mal saber que é o que andan cociñando os autores de nós; non sei, por preguntarlles algo, porque teñan vida na sociedade, non sei, por dicir algo. E ao igual que todos sabemos que tal autora quedou finalista do Planeta ( xa saben: a escritora a quen se marxina en Galicia por escribir en castelán, segundo as súas propias palabras ), e se lle dan páxinas, e páxinas, e páxinas, pois igual estaba ben comentar, dándolle o mesmo espazo nos xornais, aos que en galego, polo que sexa, fan calquera cousa de valor.
Os nosos libros seguen sendo moi invisibles. E esta situación é das poucas das que non se lle pode botar as culpas aos de fóra.
En efecto: este é un artigo dramático.

Os comentarios están pechados.