MELLOR QUE A INSPIRACIÓN, A INTUICIÓN

Posted by franciscocastro - 20/08/07 at 10:08 a.m.

Hai unha idea moi extendida desde sempre que di algo así como que o feito de escribir é algo durísimo, que o escritor é un sufridor, que crear e padecer son o mesmo. O escritor, seica, é un tipo escuro que anda tirado por aí, agoniando as súas penas e miserias á procura desesperada desa metáfora que non dá saído, desa imaxe que anda buscando coma un tolo. Por iso o escritor vive fóra do mundo. E non se coida. E por iso bebe. E por iso é un desastre… lóxico, débese á súa arte. Non pode atender a nada máis.
Sempre tiven para min que iso era unha boutade do máis parva. De ser iso certo, ninguén se dedicaría a escribir. Ou habería que dicir que son todos unha panda de masoquistas.
Para min escribir é un instante de felicidade,un motivo para o gozo. Algo que me fai sentir ben e co que busco, entre outras cousas, que ti te sentas igual de ben. Soa pouco bohemio, é certo. De feito, pode soar incluso cursi. A nada que o penso, decátome de que soa moito mellor o outro. Pero é así. En especial, cando chega, máis que a inspiración, a intuición, ese instante máxico en que entendes que as pezas do puzzle que andas a construir desde hai meses ( no meu caso e agora mesmo, unha novela ) por fin encaixan.
Ese instante é sumamente feliz e compensa durmir pouco e traballar de máis e volver sobre as páxinas unha e outra e outra vez máis.
Pasoume nesta ponte, debaixo da ducha, a primeirísima hora da mañá, aínda medio durmido, cando intuín con absoluta claridade que era o que tiña que pasar no derradeiro capítulo da novela que ando a escribir desde Xaneiro; como se ensarillaban todas as tramas; como se solucionaban todos os interrogantes.
Crédeme: non andaba pensando na novela. Só estaba procurando o xel.
Pero de súpeto todo apareceu.
Ese instante, a intuición de todo iso, é un instante de felicidade.

Os comentarios están pechados.