LECTURAS DE VERÁN: TAN BONITA, MARGARITA, TAN BONITA COMO TÚ

Posted by franciscocastro - 23/07/07 at 08:07 a.m.

Se lles prace, poden rir, que non me preocupa, pero vou recomendar este libro. Non apto para cursis. Nin o libro nin as palabras que seguen.
Pero este artigo é un exercicio de sinceridade.
Veño de rematar ( outra vez: hai libros que levamos lendo toda a vida ) a lectura dunha nova edición do libro de Rubén Darío, Tan bonita, Margarita, tan bonita como tú… y otros cuentos en verso, nunha coidada edición de Rey Lear.
Agora que todo o mundo fala do fenómeno Harry Potter eu digo que Darío era un fenómeno. Os seus versos son de todo agás simples. Semella unha poesía sinxela. A min nunca me sairía algo así. Semella, redundo, cursi, por meloso, por marmelado. Para nada. Dicimos que a poesía é ritmo, e música. Pois estes contos son cantos.
Rían, rían, e pensen, este Castro como di estas cousas. En fin, xa saben que gozo de Bukowski. Pero tamén de Lorca. E de Lois Pereiro. Pero tamén, claro, de Rubén Darío.
E estou certo de que hai moita xente que se emociona así, coa poesía cantada de voz clara, pero nunca estaría disposto a recoñecelo.
A falla de praia, que viva a sinceridade.

Os comentarios están pechados.