LECTURAS DE VERÁN: COMANDANTE HUSSI

Posted by franciscocastro - 19/07/07 at 10:07 a.m.

Veño de rematar a lectura de Comandante Hussi, un libro traducido ao galego (fantástico no xeito en que conservou o poderío lírico do orixinal ) por Ramón Nicolás e editado por Kalandraka, e da autoría do escritor de Cabo Verde, Jorge Araújo.
Recoméndovolo con entusiasmo. É algo distinto. Algo moi afastado, para ben, do que polo xeral adoitamos ler.
Conta a historia dun neno soldado en calquera das moitas guerras do terceiro mundo que nós consentimos. Un cativo que só quere voar coa súa bicicleta ( que fala ) e xogar ao fútbol.
É un texto que, a pesar da dureza do que nos conta, é capaz de facelo desde a beleza e a lírica, desde a paixón, pese a todo, na humanidade e a esperanza no poder inmenso da fantasía infantil para enfrontarse a unha realidade, adulta, cruel, é dicir, sen bicicletas nin fútbol.
Un texto delicioso dun autor sorprendente.

Os comentarios están pechados.