EU SON BRASILEIRO. SEICA.

Posted by franciscocastro - 04/07/07 at 07:07 a.m.

Onte andaba eu todo apurado – case correndo – porque ía chegar tarde a un compromiso cando, en pleno centro de Vigo, fun abordado por tres rapazolos duns sete ou oito anos ( dúas nenas e un neno ) que me espetan: “Señor, ¿nos compra una de estas pulseras que nosotros mismos hacemos?” Obviamente, andaban a xogar. Son nenos do barrio. Levan así uns días desde que andan de vacacións.
Como levaba tanta présa, respóndolles “¡agora non podo, agora non podo!”.
Quedan atrás.
Apuro que non chego.
Ás miñas costas, escoito a unha das nenas decir: “bueno, a este dejarlo que es brasileño”.
Ou o que é o mesmo: en pleno centro de Vigo, tres nenos de Vigo, se escoitan a un señor falar distinto, en Vigo, o único que se lles pode ocorrer, santiños, é que é do Brasil.
Vale máis esta anécdota que mil tratados de sociolinguística.
Eu, brasileiro.
Créanme, nin de lonxe parezo brasileiro. Nótaseme un mundo que son de aquí.

Os comentarios están pechados.