Archive for Xullo, 2007

UNHA CHEA DE FRUSTRADOS

30th Xullo 2007 by franciscocastro 19 Comentarios


Lendo unha entrevista co músico mexicano Armando Manzanero, souben que Gabriel García Márquez declarou unha vez que cambiaría toda a súa obra por ter escrito unha das súas cancións. O músico retrucaba sinalando que el cambiaría toda a súa por ter escrito El amor en los tiempos del cólera.
É curiosa a cantidade enorme de músicos que din que en realidade son escritores frustrados, e a cantidade enorme de escritores que somos músicos frustrados.
Igual a frustración é o motor da creatividade.
En calquera caso, súmome ao debate. Daría toda a miña obra por ter escrito isto.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A NOITE DE VENUS

26th Xullo 2007 by franciscocastro 13 Comentarios


Hoxe xoves, a iso das 12 e cinco da noite, son o convidadado do porgrama da Radio Galega que dirixe o escritor Xosé Antón Perozo, A Noite de Venus.
Como moitos sabedes, o programa trata, no esencial, de erotismo… E diso falarei máis ou menos media hora.
As orellas quentiñas…
Estades convidad@s.

Chuzame! A Facebook A Twitter

LECTURAS DE VERÁN: TAN BONITA, MARGARITA, TAN BONITA COMO TÚ

23rd Xullo 2007 by franciscocastro 9 Comentarios

Se lles prace, poden rir, que non me preocupa, pero vou recomendar este libro. Non apto para cursis. Nin o libro nin as palabras que seguen.
Pero este artigo é un exercicio de sinceridade.
Veño de rematar ( outra vez: hai libros que levamos lendo toda a vida ) a lectura dunha nova edición do libro de Rubén Darío, Tan bonita, Margarita, tan bonita como tú… y otros cuentos en verso, nunha coidada edición de Rey Lear.
Agora que todo o mundo fala do fenómeno Harry Potter eu digo que Darío era un fenómeno. Os seus versos son de todo agás simples. Semella unha poesía sinxela. A min nunca me sairía algo así. Semella, redundo, cursi, por meloso, por marmelado. Para nada. Dicimos que a poesía é ritmo, e música. Pois estes contos son cantos.
Rían, rían, e pensen, este Castro como di estas cousas. En fin, xa saben que gozo de Bukowski. Pero tamén de Lorca. E de Lois Pereiro. Pero tamén, claro, de Rubén Darío.
E estou certo de que hai moita xente que se emociona así, coa poesía cantada de voz clara, pero nunca estaría disposto a recoñecelo.
A falla de praia, que viva a sinceridade.

Chuzame! A Facebook A Twitter

LECTURAS DE VERÁN: COMANDANTE HUSSI

19th Xullo 2007 by franciscocastro 4 Comentarios

Veño de rematar a lectura de Comandante Hussi, un libro traducido ao galego (fantástico no xeito en que conservou o poderío lírico do orixinal ) por Ramón Nicolás e editado por Kalandraka, e da autoría do escritor de Cabo Verde, Jorge Araújo.
Recoméndovolo con entusiasmo. É algo distinto. Algo moi afastado, para ben, do que polo xeral adoitamos ler.
Conta a historia dun neno soldado en calquera das moitas guerras do terceiro mundo que nós consentimos. Un cativo que só quere voar coa súa bicicleta ( que fala ) e xogar ao fútbol.
É un texto que, a pesar da dureza do que nos conta, é capaz de facelo desde a beleza e a lírica, desde a paixón, pese a todo, na humanidade e a esperanza no poder inmenso da fantasía infantil para enfrontarse a unha realidade, adulta, cruel, é dicir, sen bicicletas nin fútbol.
Un texto delicioso dun autor sorprendente.

Chuzame! A Facebook A Twitter

VARGAS LLOSA, DESTA VEZ SI

16th Xullo 2007 by franciscocastro 18 Comentarios

Estou disposto a aceptar que o feito de que non me dea gustado Mario Vargas Llosa ten que ser un problema meu, algo que me pasa a nivel mental, sen dúbida algo que me falta por dentro, por aí nos miolos. Entusiasma a millóns de lectores en todo o mundo. Daquela, debo de ser un rariño.
Cando recoñezo estas cousas, que non me chegan as súas obras, nin os seus artigos, nin sequera os estudos críticos, seica maxistrais, que ten feito sobre outros escritores, decote todos me miran mal, como na cantiga.
Será, insisto, defecto meu.
Sen embargo, o outro día lin unha frase escrita por el que non podo deixar de compartir: Creo que los gobiernos tienen la obligación de crear sociedades en las que la lectura ocupe una función importante. É dicir, xusto o que os gobernos non fan. Máis ben todo o contrario.
Daquela, xa podo dicir que, cando menos, hai un texto de Mario Vargas Llosa que si que me gustou.

Chuzame! A Facebook A Twitter

PREMIO GARCIA BARROS DE NOVELA

12th Xullo 2007 by franciscocastro 46 Comentarios

A estas alturas xa moitos o sabedes.
A miña novela As Palabras da Néboa vén de recibir o Premio de Novela Manuel García Barros do Concello de A Estrada. Sairá editada por Galaxia.
Estou vivindo, como di a cantiga, no ceo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

EU SON BRASILEIRO. SEICA.

4th Xullo 2007 by franciscocastro 32 Comentarios

Onte andaba eu todo apurado – case correndo – porque ía chegar tarde a un compromiso cando, en pleno centro de Vigo, fun abordado por tres rapazolos duns sete ou oito anos ( dúas nenas e un neno ) que me espetan: «Señor, ¿nos compra una de estas pulseras que nosotros mismos hacemos?» Obviamente, andaban a xogar. Son nenos do barrio. Levan así uns días desde que andan de vacacións.
Como levaba tanta présa, respóndolles «¡agora non podo, agora non podo!».
Quedan atrás.
Apuro que non chego.
Ás miñas costas, escoito a unha das nenas decir: «bueno, a este dejarlo que es brasileño».
Ou o que é o mesmo: en pleno centro de Vigo, tres nenos de Vigo, se escoitan a un señor falar distinto, en Vigo, o único que se lles pode ocorrer, santiños, é que é do Brasil.
Vale máis esta anécdota que mil tratados de sociolinguística.
Eu, brasileiro.
Créanme, nin de lonxe parezo brasileiro. Nótaseme un mundo que son de aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

¿E VOSTEDE COMO O VES?

2nd Xullo 2007 by franciscocastro 2 Comentarios

Disimulen a brincadeira gramatical de aí no título.

Onte, o poeta Ramón Irigoyen publicou un artigo en La Voz de Galicia no que reflexionaba sobre a petición do Defensor del Pueblo de obrigar a que os alumn@s traten sempre de vostede aos profesor@s e que se prohiba atuar nas aulas como medida para frear a violencia escolar. Moi intelixentemente, o artigo remataba, despois de explicar que o respecto entre persoas ten que ser algo máis profundo e menos superficial que o tratamento ( son capaz de imaxinar ao verdugo falándolle de vostede ao que vai executar en minutos ), con estas verbas: «Si Finlandia es hoy en educación el ejemplo del mundo, estúdiese por qué se obtienen allí tan excelentes resultados educativos».
Hai máis dun ano, no meu anterior blog ( non sei se irán as ligazóns… pido paciencia ) expliquei o por que. En Finlandia ser profesor é unha honra e a biblioteca é o centro absoluto da vida educativa.
Igual non é só a solución, pero algo terá que ver que para os finlandeses o libro sexa o núcleo arredor do que todo debe xirar.

Chuzame! A Facebook A Twitter