MERCADO ( GALICIA COMO SOCIEDADE PRE-INDUSTRIAL)

Posted by franciscocastro - 15/06/07 at 02:06 p.m.

Temos que sacarnos complexos de enriba.
Hai que ser ambiciosos.
Temos que deixar de pedir perdón.
E dignificar o feito de crear.
Debemos ser modernos.
E estar así no mundo.

Antón Reixa, unha vez máis, vai sobrado de razón cando afirma hoxe, en El País ao respecto da creación da Axencia Galega de Industrias Culturais: Tradicionalmente, facer cultura en Galicia viña asociado a unha idea bohemia de voluntarismo, filantropía e mesmo certo mesianismo. (…) Aos artistas non nos gusta falar nin pensar no mercado, pero si debemos ser responsables da conquista do público porque a cidadanía é o destinatario natural da nosa actividade.
E o que todos e todas necesitanos é conquistar un ocio creativo e que a cultura propia non sexa simplemente parte da liturxia administrativa e do ensino obrigatorio. Por iso, a industria cultural ocupa un lugar importante no produto interior bruto dos países modernos. Sómolo nós?

Independentemente da resposta que poida ter esa pregunta de Reixa, o certo é que os escritores, pintores, músicos, cineastas, os artistas en xeral deste país, temos que comezar a actuar, ao respecto da nosa tarefa artística, con esa mentalidade. Menos bohemia e máis profesional. Coma se a situación fose normal. Como se fosemos un país moderno.
Insisto: sen complexos, ambiciosos. Dignos. Xurxo Borrazás, no libro que eu recomendaba hai uns días, explica moi ben o terrible que é para os escritores de Galicia que se espere deles que teñen que ofrecer obras que fagan medrar o espírito nacional de Galicia, ou que axuden a elevar o nivel da literatura galega, ou que escriban, dunha vez, A Gran Novela. En ningunha literatura do mundo se pide tal cousa. Cando Luis Landero, por dicir o primeiro que me vén a cabeza, ou Philip Roth sentan a escribir, non pensan en nada diso. Fan un producto. Evidentemente diferente doutros moitos que se venden no mercado. E concéntrase, só, en facer arte, en producir beleza. Porque están nunha situación moderna e, se me permitides, industrial.

Os comentarios están pechados.