ARROLAR

Posted by franciscocastro - 30/05/07 at 02:05 p.m.


A través do Servizo Galego de Saúde, a secretaría xeral de Política Lingüística vén de presentar unha campaña na que reparten libros e cancións de berce ás xestantes. Entre o material que se lles dá, todo el moi interesante, faiselles ás futuras mamás ( e supoño que papás ) un convite para facer unha reflexión sobre a lingua na que lle van falar ao bebé.
Coido que esa reflexión é do máis interesante que se propón. Hai que dicirlle aos proxenitores que deles depende moito no futuro. Xa non só o das súas crianzas, sen dúbida esencial, senón o dunha cultura enteira. Non lles vai pasar nada se deciden tomar a decisión de crialos en galego. Non lle vexo efectos secundarios. Non van ser máis listos, desde logo, pero tampouco máis parvos. Desde o punto de vista moral non van ser mellores, pero tampouco peores. Haberá que insistirlles en que, como galegos, hai algo fermoso no feito de transmitir unha lingua de noso, algo que nos pertence desde hai máis de mil anos; algo do que non deben privar aos seus fillos.
Que utilicen, por favor, ese material. E que arrolen con esas cancións. Mirade que verba máis fermosa: arrolar. É un reflexo perfecto do que significa. Mais e pais arrolando, amorosos, en galego.
Ese si sería un futuro para a lingua.

Os comentarios están pechados.