O DLG COMO METÁFORA

Posted by franciscocastro - 16/05/07 at 02:05 p.m.

O Día das Letras Galegas é unha metáfora perfecta. Porque o 17 de Maio, como símbolo, é algo absolutamente literario. Porque é unha ficción.
Os literatos ( chámense María Mariño ou calquera outro )dedicámonos a excitar a imaxinación a partir das palabras. Podería quedar moi ben e dicir que se me ocorreu a min esa definición de Literatura. Pero hoxe teño o día honesto: iso é de Borges.
O DLG excita a imaxinación. Como a boa literatura, o DLG lévanos a outro mundo. Collemos un xornal e está – só a portada, pero está – en galego, os alcaldes escriben bandos institucionais no que falan do tesouro que é a lingua, hai festa na rúa, a bolsa do Gadis ten un poema da autora homenaxeada, os telexornais falan de lingua, literatura e de poesía… O mundo do revés. O mundo marabilloso.
O día 18 rematará a ficción. Igual que cando pechamos unha boa novela e volvemos ás nosas miserias.
O Día das Letras é literatura, metáfora de Nós.
Que pasedes un bo DLG.

Os comentarios están pechados.