REFLEXIÓN NO DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO

Posted by franciscocastro - 23/04/07 at 10:04 a.m.

Hoxe, La Voz de Galicia déixanos as reflexións de Ana Moreda, profesora de galego no IES de Beade, en Vigo.
Di aí cousas moi interesantes que levamos moito tempo tamén mantendo desde este espazo e que, aínda que nos repitamos, convén ( sobre todo tal día coma hoxe ) repetir. A saber: que as lecturas obrigatorias poden ser contraproducentes.
Desde logo. Non é que o sexan. É que poden ser. Cando están feitas de calquera maneira. Cando non se lle pregunta aos rapaces sobre os seus intereses. ¿Hai que dar listas de lecturas para os alumn@s? Por suposto. Pero haberá que molestarte en saber que lles anda pola cabeciña para poder seducilos en condicións para a lectura. Coido que o criterio docente, neste asunto, debe ficar á marxe. Pois, ¿de que falamos? ¿Non estamos a falar de promover a lectura? Obrigarlles a ler, digamos, libros desafortunados ( aínda que sexan fermosas obras de arte, igual aínda non están na idade ), pode afastalos para sempre da lectura. Pola contra, darlles un libro que lles provoque interese e entusiasmo ( aínda que desde un criterio artístico non sexa para pasar á historia ) axudará a identificar, dunha maneira automática, lectura e pracer. E xa se sabe que non hai nada que tire máis dos nosos hábitos que a procura do pracer.
Por outra banda, moi atinadamente, a profesora indica que a chave da situación está na casa. Xa o dixemos mil veces. A súa frase é, para min, a máis importante de todo o Día Internacional do Libro: Os rapaces deben ver a lectura como un comportamento habitual na casa, porque se non, non se afán a ela.
Feliz Día do Libro.

Os comentarios están pechados.