MOVER CONCIENCIAS

Posted by franciscocastro - 20/04/07 at 02:04 p.m.

Hoxe en El País podemos ler unha interesantísima entrevista con Paco Ibañez. Entre outras cousas, e desde os seus máis de 70 anos, declara que lle gusta atizar conciencias. Canta falla nos fai.
Algunha vez falamos neste blog da necesidade de descubrir aos poetas coa axuda da música. Iso foi Paco Ibañez na miña infancia. Escoitaba unha e outra vez aqueles dous cassettes de meu irmán ( lévame dez anos ) de Paco Ibañez en el Olimpia de París. Descubrín así a moitos poetas.
E esa música ficou aí para sempre. De feito, nos meus talleres, ás veces lemos Palabras para Julia de José Agustín Goytisolo, e cústame moitísimo recitalo. Sempre quero cantalo coa música de Paco Ibañez. Por sorte para os asistentes, nunca me atrevo.

Os comentarios están pechados.