SEDUCIR CUN LIBRO

Posted by franciscocastro - 11/04/07 at 02:04 p.m.

Hoxe distintos medios recollen que a Consellería de Cultura gastará 50 millóns de euros en cinco anos para encetar iniciativas para conseguir que os galeg@s leamos máis. Entre outras cousas, pénsase en levar as campañas de fomento da lectura a centros de saúde, autobuses e comercios, ao mesmo tempo que se pretende impulsar a edición, o deseño, a impresión, a comercialización e a tradución do libro galego.

A metade dos cartos irán para ampliar os fondos e os servizos que prestan as bibliotecas.
Vale, vale e vale.
En principio, sempre aplaudo estas campañas. Outra cousa é que pense que darán os froitos desexados. Sempre digo o mesmo: ogallá. Pero non sei. Non sei.
En calquera caso, e ao mesmo tempo que lle desexo todos os éxitos do mundo á iniciativa, aproveito para sinalar que onte, cando se presentou o asunto, falouse da necesidade de dedicar parte dos esforzos a seducir, a partir dos libros, ao público máis novo. Coido que a verdadeira campaña ten que ir por aí. Hai que atrapalos de cativos. Se un se converte en lector, xa non o deixa máis nunca. E o verbo seducir, ou contaxiar, ou namorar, desde logo, non acaen nada mal neste contexto.

Os comentarios están pechados.