¿NON HAI POETAS GALEGOS QUE MUSICAR?

Posted by franciscocastro - 13/03/07 at 02:03 p.m.

Hai uns días matinaba eu na cantidade de poesía galega que recibín, na miña adolescencia, escoitando aos músicos galegos. Algún día haberá que facerlles unha homenaxe como é debida. A Suso Vaamonde, que nos fixo chegar a Celso Emilio Ferreiro cando aínda nin deixaramos o Mortadelo e Filemón. Xa sei que o contei unha manchea de veces, pero entre os orgullos da miña insípida biografía hai que incluír que lle fixen os coros na canción “O mozo Daniel”, do ano 1987, precisamente, un poema de Celso Emilio. Ou a Amancio Prada, que fixo chegar a tantos a Rosalía. Ou Luís Emilio Batallán, co mesmo Ferreiro ou Curros.
Nisto matinaba e preguntábame, e pregúntovos: ¿é que hoxe non hai poetas galegos que musicar?, ¿onde están os músicos que han poñer melodía aos poetas de agora?
No seu día foi unha gran maneira de espallar a mellor poesía galega polo país adiante. Hoxe, como en tantas ordes, semella que todo está, coma sempre, parado.

Os comentarios están pechados.