ASÍ É A LIFE
30th Marzo 2007 by franciscocastro 30 Comentarios
Unha das cousas das que máis orgulloso me sinto, da miña casa, é da nosa biblioteca. Coido que ese é un sentimento que compartimos todos os que gostamos do libro e da lectura. Sen embargo, non teño grandes alfaias bibliográficas. Algunha si. Pero non moitas.
Entre as que si, está a mítica revista Life que herdei dun familiar que a coleccionou desde os primeiros sesenta ata mediados dos setenta. Cando finou, a familia directa non sabía que facer con ela e aí aparecín eu disposto a quedar con elas para que non se perdese. Encarguei unha luxosa encadernación e agora presumo de revista.
É un exercicio fantástico, para min, que son un namorado da música ( e non só da música ) dos 60, ver como a revista Life explicaba todo o dos Beatles a medida que ía sucedendo; o dos Beatles pero tamén Maio do 68 ou o nacemento do movemento hippie ou as fotazas, que me fixeron ( e fan ) soñar desde sempre, da carreira espacial. Iso pola parte bonita. Porque tamén é interesante a información sobre Vietnam xusto no intre en que a guerra estaba presente en todo o seu espanto (abraia ver como xa daquela os gobernantes dos Estados Unidos falaban igualiño, para xustificar o asunto bélico alí, coma hoxe fan cando falan do Iraq ). É unha maneira, gloriosa, de viaxar no tempo por uns anos frenéticos e, sen dúbida, moito máis interesantes cá os de hoxe.
Agora, leo que Life desaparece en papel e que vai editarse só en Internet.
Xa que logo, posuir tantos exemplares como posúo, ten xa máis valor. E non me refiro, como podería sospeitar alguén mal pensado, ao económico.
O futuro irá por aí. As revistas serán todas dixitais. Mágoa. Non será nin a metade de emocionante.
( A portada que reproduzo aí, por exemplo, é unha das que teño na casa )



Levamos días falando moito do feito de que no novo barómetro sobre os hábitos de lectura, Galicia ocupa o segundo posto pero por abaixo. Curiosamente, os xornais dedicáronse a subliñar que xa non somos os últimos. ¡Viva, viva!, ¡hai quen le menos cá nós!. Pero é unha pésima noticia.
Quero seguir co debate que abrimos
Hai uns días matinaba eu na cantidade de poesía galega que recibín, na miña adolescencia, escoitando aos músicos galegos. Algún día haberá que facerlles unha homenaxe como é debida. A Suso Vaamonde, que nos fixo chegar a Celso Emilio Ferreiro cando aínda nin deixaramos o Mortadelo e Filemón. Xa sei que o contei unha manchea de veces, pero entre os orgullos da miña insípida biografía hai que incluír que lle fixen os coros na canción «O mozo Daniel», do ano 1987, precisamente, un poema de Celso Emilio. Ou a Amancio Prada, que fixo chegar a tantos a Rosalía. Ou Luís Emilio Batallán, co mesmo Ferreiro ou Curros.
