REGRESA LEO CALDAS

Posted by franciscocastro - 15/02/07 at 11:02 a.m.


Leo Caldas, o inspector creado por Domingo Villar no seu Ollos de Auga ( Galaxia ), volverá. Así o di o propio autor nunha entrevista en Vieiros.
O libro de Domingo Villar é unha das mellores novas das que recibimos o ano pasado. Moitas vendas e, sobre todo, un público satisfeito que demanda máis.
Dirixo unha tertulia unha vez ao mes, e ten saído este libro en máis de unha e de dúas ocasións. Os lectores e as lectoras pregúntanme continuamente se vai haber máis historias protagonizadas por Leo Caldas. E iso é algo que todo escritor anceia: un público fiel que pide máis, que quere ler máis cousas túas. Que pasen cousas así fannos esperanzar un futuro máis normal.
O libro foi un dos máis vendidos en galego o ano pasado, en castelán vai pola terceira edición e axiña sairá a versión en italiano. Domingo Villar vén de ser convidado, ademais, a falar, hai uns días, na Semana de Novela Negra de Barcelona.
Xa que logo, insisto, unha boa nova da que nos aledar. Independentemente de que nos guste ou non a novela negra é unha gran noticia.

Os comentarios están pechados.