QUE NOXO DE INFORMACIÓN CULTURAL

Posted by franciscocastro - 25/01/07 at 10:01 a.m.


Os amables lectores deste blog, saben que nunca actualizo os xoves.
Pero non podo resistilo.
Hoxe, moi de mañá, ía pola autoestrada. Como son un tipo culto vou oíndo unha emisora de radio. As noticias. Hai que estar no mundo.
Desconexión local.
Noticias de Vigo. Que ben. Da miña cidade. Fálanme do PXOM. Fálanme da falla de infraestructuras. Fálanme da violencia de xénero. Fálanme de cousas que hai que coñecer para andar polo mundo. Vale. E rematan a información, coa “noticia cultural del día, que no es otra que la presentación, en El Corte Inglés de Vigo, del libro de Ana María Ríos“.
Si señor. É a noticia cultural do día. Vale. Chapó. Dabuten. Viva, viva. Que marabilla espertar coa mañá así. A radio di que é a nova cultural do día.
Pois vale. Que saibades, que tamén ás oito, Manuel Bragado, director de Xerais, Ramón Caride Ogando, autor de As Máscaras de Cronos, e eu, estaremos a falar, na Casa do Libro, de poesía, presentando o libro de Caride.
Seica iso non é digno de merecer uns minutiños de información cultural.

Os comentarios están pechados.