FALANDO DE XERACIÓN PERDIDA, PRESENTANDO SPAM EN CANGAS E RECITANDO POEMAS NO ENSANCHE

Posted by franciscocastro - 16/01/07 at 02:01 p.m.

Xeración PerdidaEse título tan longo para contarvos moitas cousas.
A primeira.
Pasei a mañá na Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo grazas á profesora Camiño Noia quen me convidou a falar cos alumnos de terceiro e quinto que veñen de ler a miña novela Xeración Perdida. Foi moi agradable e alí falouse de todo: da novela, pero tamén do mundo de hai vinte e poucos anos ( o espazo temporal no que transcorre a acción ), por suposto das drogas ( o telón de fondo da novela ), da literatura galega actual, da crítica literaria, da conveniencia ou non de seguir co actual modelo do Día das Letras Galegas…
En resumo: unha mañá fantástica desas que serven para que un escritor “baixe á terra” falando, de vagar, con alumnos e profesores interesados.
A segunda.
Queda moito tempo pero aproveito para anunciarvos que o vindeiro xoves 1 de Febreiro, presentaremos Spam na librería Maraxe de Cangas. Será ás 20.30 e ademais do editor Carlos Lema, falará no acto o crítico e responsable do Cartafol de Libros, Heitor Mera.
E a terceira.
Convidado por un grupo de rapaz@s de Vigo que, aínda que pareza incrible, dedican parte do seu tempo a promover a lectura, a música, o teatro, e todo o que signifique vida cultural, e que se agrupan baixo do nome de La Tanda, darei un recital de poesía o vindeiro 24 de Febreiro no Pub El Ensache de Vigo.
Entenderedes que hoxe estea moi contento.

Os comentarios están pechados.